Acerca de

Esta plataforma é produto do proxecto “Construíndo igualdade xuntas”, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través da subvención do IRPF autonómico.

A súa posta en marcha xurde tras o interese e demanda recollidas en Aliad Ultreia por parte de profesorado de centros de educación secundaria da provincia que, contando con persoal, pais e nais interesadas en que se introduza no currículo educativo a materia de “Igualdade de Xénero”,  non a ofertan por falta de recursos e medios adaptados aos grupos.

Ante esta demanda, considerouse interesante poder desenvolver un proxecto participativo e cooperativo orientado a toda a comunidade educativa para a creación de materiais didácticos adaptados ao temario da materia que puideran ser unha guía para a súa consulta e aplicación na aula.


Que é o que ofrece este espazo?

Ao tratarse dun proxecto a longo prazo de construción cooperativa, Aliad Ultreia escolleu, como punto de partida da plataforma, a elaboración de actividades para 6 dos temas/sesións de dita materia.

Os temas elixidos están relacionados coa experiencia, tanto de traballo directo como de facilitación de obradoiros en diferentes centros educativos, por parte de Aliad Ultreia, e correspóndense a 13 liñas que se enmarcan en 6 dos temas recollidas na materia de Igualdade de Xénero interrelacionadas, estes son:

  1. Socialización de xénero: O proceso de socialización. Interiorización dos roles de xénero (B1.5.) A construción das identidades sexuais e de xénero na adolescencia. Consecuencias para o proxecto vital (B1.6.). Os axentes de socialización na transmisión de estereotipos e prexuízos sexistas (B1.8.)
  2. Mitos do amor romántico: Atracción, mitos e modelos de amor (B2.2). As relacións de parella e relacións de poder (B.2.3.)
  3. Educación afectivo-sexual: A construción social da sexualidade e o amor dende a perspectiva de xénero (B2.5). As relacións afectivas e sexuais: o papel do home e da muller na sexualidade dominante (B.2.6.). Orientacións e identidades na sexualidade: construción social dende estereotipos de xénero (B2.7.). O trato igualitario nas relacións afectivas e sexuais (B.2.8). Respecto e comprensión nas relacións afectivas entre os sexos (B.2.9.)
  4. Violencias machistas: Violencias machistas como consecuencias da desigualdade (B4.1.)
  5. A trata con fins de explotación sexual e o comercio sexual de mulleres: A trata de persoas e a escravitude sexual como forma de violencia contra as mulleres (B4.5.)
  6. O coidado no centro da vida: Alternativas para acadar a igualdade real de mulleres e homes (B.3.6.). O coidado no centro da vida.

Para estes 6 temas atópanse na plataforma diferentes apartados:

  • Fichas de sesión con actividades, en formato pdf, que recollen diferentes dinámicas e anexos/material de apoio para o seu desenvolvemento.
  • Bibliografía de apoio, enlaces a documentos ou materiais online e referencia a documentos de interese.
  • Recursos audiovisuais.

No caso do resto dos temas da materia, non se elaboraron fichas de sesión con actividades, pero si se recollen materiais de apoio e boas prácticas, bibliografía e recursos audiovisuais, elaboradas por outras entidades sociais que traballan nese temas.

A finalidade última desta plataforma é conformarse como un apoio para todas aquelas persoas que estean interesadas en atopar ferramentas e recursos vencellados á promoción da igualdade e, de forma específica, ao profesorado de educación secundaria interesado en promover accións nesta liña ou en incorporar no currículo do seu centro a materia de “Igualdade de Xénero”.


O noso traballo de educación en xénero

Dentro das accións desenvolvidas por Aliad Ultreia na área de sensibilización desenvolvemos obradoiros en centros de educación primaria e secundaria, sobre algunhas das nosas áreas de traballo: a trata sexual e explotación de mulleres como forma de violencia machista, as violencias machistas na nosa contorna e o proceso de socialización diferenciada, entre outros. Se queres contar con nós para desenvolver algunha desta formación contáctanos.

Froito deste traballo fomos elaborando metodoloxía e material para estes temas que compartimos nesta plataforma. Xunto a estes materiais propios tamén recollemos traballos e recursos que consideramos interesantes e prácticos, doutras entidades do ámbito social que tamén traballan cun enfoque feminista, e que abordan outros dos temas contemplados na materia “Igualdade de xénero”.

Que esperamos que atopes

Un banco de recursos para que o profesorado, ou calquera persoa interesada, poida desenvolver procesos educativos en igualdade de xénero, aplicando as actividades propostas, ou deseñando as súas propias a partir dos diferentes materiais.

Diferentes posibilidades de organización, secuenciación e concreción, para adaptar a túa proposta aos diferentes grupos, en función de idade, capacidades, madurez reflexiva e finalidade.

Materiais organizados en función da materia de Igualdade de Xénero, pero con propostas aplicables a outros niveis formativos e materias (dende lingua a matemáticas) e a espazos educativos non escolares.


Construámos en común!

Se queres colaborar compartindo as túas experiencias e materiais, non dubide en porte en contacto con nós.


Esta plataforma está financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, a través da subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, para o ano 2019.